lunes, 9 de febrero de 2026

ZWEISAMKEIT

 

En fotografía tendo a rexistrar de xeito máis ou menos recurrente os memos temas. Nos últimos anos, un deses temas foron as parellas de elementos ou obxectos cos que fun atopándome no transcurso de tantas derivas fotográficas. Ao principio non sabía moi ben a que se debía ese interese, mais co paso do tempo e despois de darlle moitas voltas ao asunto e despois de bastantes derivas fotográficas creo que descubrín o porque.

Dos haikus atráenme sobe todo a súa estrutura, minimalista e sinxela, á par que ríxida, e tamén a capacidade que posúen de evocar a austeridade, o sosego e a serenidade de ánimo tan características do pensamento zen.  

Unha fotografía e un haiku teñen moitos puntos en común. Por norma, un haiku clásico soe ser un poema descritivo. Describe algo real que entra dentro do “plano” da mirada do haijín,tal como lle pasa tantas veces aos fotógrafos. Un haiku clásico describe un instante, unha imaxe, unha visión repentina, que lle provoca ao observador unha emoción, que acabará rexistrada por escrito nun haiku. Esa emoción que seduce a mirada do poeta, os haijins denomínana aware.

as distantes montañas

refléxanse nas pupilas

da libélula

Kobayashi Issa (s. XVIII)

 

Coido que aware alude a unha emoción que non difiere moito da que sinte un fotógrafo cando dispara unha foto durante unha deriva fotográfica. É máis, eu case me atrevería a dicir que se os haijíns do século XVII ao XIX tivesen unha cámara fotográfica moitos moi probablemnte optarían por facer fotos en vez de escribir haikus. Ou farían as dúas cousas á vez.

Realicei estudos de filoloxía alemá e profesionalmente adícome ao ensino desta lingua, polo que vivo, como quen di, a cabalo desta lingua e do galego ou castelán (e dalgunha outra). Unha lingua non é un ente abstrato, un simple instrumento para transmitir e intercambiar información, senón un universo que contén unha maneira de pensar e de sentir, de entender a vida e de estar non mundo. Hai palabras que existen nunhas linguas e noutras non. Cando un falante non nativo chega a asimilar o significado destes termos en toda a súa extensión, amplía os seus horizontes, enriquece a súa propia lingua e o seu espíritu, a súa maneira de ver e de interpretar a vida.

No alemán atopei termos que sempre me chamaron poderosamente a atención, uns porque lograban poñerlle nome a sensacións que eun sentía, outros porque me aportaron novos e sorprendentes puntos de vista. Estou a falar de termos como Zeitlupe (lupa do tempo; o que nós denominamos cámara lenta), Lautmalerei (pintura de son, pintura acústica; onomatopeia), Fernweh (saudade polo que está lonxe, exótico, descoñecido; unha especie de morriña á inversa), o binomio Baumschule (escola de árbores; viveiro) e Kindergarten (xardín de crianzas; centro de preescolar) por citar só un par de exemplos.

Zweisamkeit é outra desas palabras que non ten unha (fácil) tradución ao galego. Como moito pódese achegar un ao seu significado parafraseándoa con máis ou menos acerto. Está conectada con Einsamkeit (soidade), un sustantivo composto polo numeral ein (un) e os sufixos –sam (que adexitiva) e -keit (que sustantiva). Zweisamkeit constrúese do mesmo xeito, pero tomando como base o numeral zwei (dous) polo cal ven significar algo así como “compañía de dúas persoas ailladas do resto”, e que evoca “soidade en parella”, “soidade compartida entre dúas persoas”. Máis que describir un estado físico, unha situación, describe unha sensación, un estado emocional. Cómpre destacar que Einsamkeit, igual que soidade en galego, pode ter connotacións tanto positivas (se é unha soidade buscada) como negativas (no caso contrario), mentras Zweisamkeit só ten connotaciós positivas.

En calquera caso, cada falante entende este concepto dunha forma moi particular e subxetiva, como se pode ver máis adiante na selección de definicións que fun recopilando para documentar lingüísticamente este proxecto fotográfico.

As fotografías que conforman esta escolma recollen imaxes que no seu momento seduciron o meu ollo e, dun xeito ou de outro, provocaron en min unha pequena emoción que ben se podería equiparar ao aware antes mencionado. Coido que esa emoción, sensación, sentemento, ou o que sexa, que me provocaron estas imaxes está no cerne do concepto Zweisamkeit.

A presentación material das fotografías pretende, por unha banda, aportarlle ás pezas unha pátina de sinxeleza, intimidade, austeridade que sintonice co espíritu da temática da mostra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario